Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta sinala que o concello de Ponteceso non solicitou acollerse ao Plan de Investimentos para dotarse dunha Residencia de Maiores


— De ter presentado unha proposta podería beneficiarse dunha axuda de ata 1,2 millóns de euros para a construción do centro

— O compromiso do Executivo autonómico cos veciños de máis idade de Ponteceso ponse de manifesto co reforzo da Axuda no Fogar —que é de competencia municipal—, a posta en marcha dunha casa do maior ou os programas de Coidados porta a porta e Xantar na casa

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, explicou hoxe nunha resposta oral no Pleno do Parlamento de Galicia que o Concello de Ponteceso non solicitou acollerse ao novo Plan de investimentos que ten en marcha a Xunta para a construción, renovación ou ampliación de equipamentos sociais dirixidos aos maiores e xestionados polos municipios. Fabiola García apuntou que de ter presentado unha proposta para unha nova residencia podería beneficiarse dunha axuda de ata 1,2 millóns de euros para construíla.

A conselleira defendeu o compromiso do Executivo autonómico cos veciños de máis idade que viven neste municipio da Costa da Morte, poñendo á súa disposición recursos de proximidade que lles fan a vida máis doada tanto a eles como ás súas familias. Entre estes destacou o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) —que é de competencia municipal segundo a lei de servizos sociais— e ao que a Xunta destina 340.000 euros ao ano para que os maiores reciban coidados profesionais nas súas casas; ou a posta en marcha dunha casa do maior, onde reciben atención diúrna gratuíta oito horas diarias de luns a venres.

Tamén sinalou o programa de Coidados porta a porta, que volverá o vindeiro mes de abril a Ponteceso ofrecendo de novo servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación gratuíta sen custe algún para os veciños; ou o Xantar na casa, co que se levan menús para toda a semana aos domicilios dos maiores da localidade que viven sós.

Servizos de proximidade
Fabiola García apuntou que nos últimos anos se deu un forte impulso para achegar os coidados de atención ás persoas maiores alí onde viven, para que poidan desfrutar desta etapa das súas vidas onde e como queiran. Neste sentido, afirmou que Galicia é hoxe unha das Comunidades Autónomas coa rede pública de servizos máis extensa e próxima de toda España.

Ademais, sinalou que o novo Plan de investimentos para equipamentos sociais municipais destinará 18,5 millóns de euros para crear máis residencias, máis centros de día, máis vivendas comunitarias e máis centros sociais ao carón dos fogares das persoas maiores que viven en concellos menos poboados.